Concello de Alfoz
ENCONTRO LITERARIO

ENCONTRO LITERARIO

15/Xullo/2016

Os membros da Ponte Literaria* veñen de reunirse o pasado mércores 13 para artellar as actividades do verán 2016.

O próximo encontro terá lugar o xoves 21 de xullo ás 17:30 h., no espazo de lecer da Ponte Vella de Frexulfe. A actividade consistirá nun exercicio de creación e/ou exposición literaria cunhas condicións básicas.

Toda persoa que desexe participar activamente deberá levar un texto (a temática é libre e non se exixe ningún xénero concreto) para ler ou expor de xeito oral, cunha dimensión máxima de un folio. Tamén se poderá asistir á experiencia sen participar activamente, sinxelamente como público.

Na pasada xuntanza, convocada co único obxectivo de organizar actividades, púxose en marcha de xeito espontáneo, unha práctica que vimos de adoptar como futuro costume: A doazón de libros que non desexemos continuar conservando nas nosas bibliotecas particulares. Comezou cando o dramaturgo Manuel Lourenzo, un dos membros fundadores da Ponte Literaria, espallou pola mesa de reunión varios volumes –case todos vinculados ao eido dramático- para que o resto de participantes no encontro levasen os exemplares que lles resultasen máis atractivos.

Deste xeito, animamos os participantes que desexen desfacerse de volumes usados, a traelos para continuar coa práctica da doazón espontánea.

En caso de tempo chuvioso, o acto trasladarase a un estabelecemento próximo.

Máis información no 600378363.


*A Ponte Literaria é un colectivo formado o verán pasado por persoas vinculadas á literatura ou ao activismo cultural; desenvolve as súas lecturas e coloquios no espazo de lecer situado a carón da Ponte Vella de Frexulfe e naceu para compartir e expandir o pracer da literatura. 

Voltar

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO