Concello de Alfoz
I CONCURSO MÚSICO VOCAL ARCADIO MON

I CONCURSO MÚSICO VOCAL ARCADIO MON

07/Setembro/2016
O Concello de Alfoz patrocina o  I Concurso Músico Vocal “Arcadio Mon” que terá lugar os vindeiros 16 e 17 de setembro ás 21 horas na Fortaleza do Castro de Ouro o primeiro día e na Praza de Santa María de Ferreira o segundo. 

O concurso será organizado polo Seminario de Estudos do Valadouro  (SEVA), de Alfoz e O Valadouro, de acordo coas seguintes

BASES:

• Poderán participar rapaces e rapazas de menos de 20 anos, que presentarán a concurso unha canción, podendo ser esta interpretada cun instrumento ou ben cantada, sendo neste caso necesario que acompañen a inscrición cunha gravación instrumental que sirva de fondo á súa voz.

• No se admitirán as inscricións de grupos, só de solistas.

• As pezas musicais presentadas a concurso poden ser de composición propia ou doutro autor.

• As pezas musicais presentadas a concurso que sexan cantadas deberán ir necesariamente en galego, podendo ser traducións doutras cancións compostas noutro idioma.

• De entre todos os inscritos no Concurso seleccionaranse 20, valorándose positivamente varios factores, como que a peza presentada sexa de autoría propia, a calidade interpretativa do concursante, a calidade da gravación musical de fondo e o feito de que o concursante cante e interprete un instrumento ó mesmo tempo.

• Os interesados deberán solicitar a súa inscrición no correo electrónico peinoster@gmail.com, onde se lles subministrará unha folla de inscrición que deberán devolver cuberta. A inscrición suporá tamén que o inscrito deberá enviar por E Mail a peinoster@gmail.com unha gravación da canción que presenta a concurso, para a súa valoración pola organización. Tamén deberán enviar unha fotocopia do seu DNI. Para calquera dúbida poderá chamarse ó teléfono 619 38 99 97.

• O prazo para a inscrición neste concurso remata o día 14 de setembro de 2016.

• O I Concurso Músico Vocal “Arcadio Mon” celebrarase os días 16 e 17 de setembro de 2016. O día 16 (venres) terá lugar no Castrodouro, a carón da Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela, en Alfoz, e nel participarán os concursantes seleccionados polo Xurado (un máximo de 20), dos cales se clasificarán 10 finalistas para o día seguinte. O día 17 (sábado) as actuación serán na Praza de Santa María de Ferreira do Valadouro; será a gran final, na que só cantarán os 10 finalistas clasificados o día anterior. Tanto o día 16 como o día 17 as actuacións dos concursantes irán acompañadas das actuacións de antigos músicos compañeiros de Arcadio Mon nas diversas orquestras das que formou parte.

• Todos os participantes neste Concurso Músico Vocal recibirán un agasallo como recordo da súa participación nel. Os tres primeiros clasificados recibirán tamén trofeo conmemorativo e premios en metálico: 300 euros para o primeiro clasificado, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro.

• O Xurado estará formado por músicos de renome no panorama musical galego, aínda por designar.

• Calquera imprevisto ou continxencia serán resoltos polos organizadores, no caso das inscricións, ou polos membros do Xurado, no caso da elección dos gañadores.
 
Voltar

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO