Concello de Alfoz
ÉXITO NA CELEBRACIÓN DE TUREXPO

ÉXITO NA CELEBRACIÓN DE TUREXPO

13/Xuño/2017
Por primeira vez, os concellos de Alfoz e O Valadouro acudiron conxuntamente á VII edición da Feira Internacional de Turismo de Galicia (Turexpo) celebrada en Silleda do 8 ao 11 de xuño para amosar os seus recursos, rutas, gastronomía e festas.

As dúas primeiras xornadas estiveron marcadas por encontros con turoperadores de diversos países como Brasil, Polonia, EE.UU, Portugal e China, aparte das empresas nacionais. Nesta bolsa de contratación, na que tamén participaron profesionais que desenvolven as súas actividades no concello, tales como O Freixo dos Lobos, Alberto Geada ou Amextrem, mostráronse as potencialidades turísticas da zona para abrir novas vías de contacto.

Paralelamente á representación institucional onde participaron os alcaldes de ambos concellos, acudiron empresas dos dous municipios vinculadas ao sector turístico e á alimentación, ben en persoa ou ben cos seus produtos. Durante as catro xornadas ofrecéronse degustacións de pan de Panadería Lorenzo e A Concepción, que tamén aportaron empanada de cocido ou tarta de cabelo de anxo; de Confitería Méndez, que conquistou aos visitantes coa súa empanada de roxóns; de mel de tres firmas: Apicultura de Painzás, Mel O Trobo e Mel Ouro Puro, e embutidos de porco celta, de Carnicería Hermelino. Ademáis, sorteáronse cinco estancias de fin de semana en Casa Franco, Vila do Val e Casa do Forno, onde resultaron agraciados xente de lugares tan diversos como Águeda (Portugal), Avilés, Nigrán, A Estrada ou Silleda.

Tamén houbo tempo para as exhibicións e presentacións. O zoqueiro Alberto Geada realizou demostracións deste oficio tradicional, formando parte dun dos últimos zoqueiros que quedan activos en Galicia; o responsable de O Freixo dos Lobos, Pedro Rolle, amosou as rutas guiadas que organiza por todo o Val, e Luis Miguel, presidente do Mercado Medieval de Alfoz, presentou a décimo novena edición desta festa que se celebrará o vindeiro 14 e 15 de xullo.

O Concelleiro de Turismo Xabier Pardiñas, destacou a numerosa asitencia ao stand "informamos directamente a dúas mil persoas no stand de un total de cen mil que recibeu a feira. A organización deunos a noraboa por ter un dos stands máis dinámicos de todo o certame". 

 
Voltar

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO