Concello de Alfoz
JUAN RAMÓN ALVES E ALEJANDRA MARTÍNEZ GAÑADORES DO 2º MATATÓN DE PINTURA DE ALFOZ

JUAN RAMÓN ALVES E ALEJANDRA MARTÍNEZ GAÑADORES DO 2º MATATÓN DE PINTURA DE ALFOZ

01/Agosto/2017

Durante a xornada deste domingo 30 de xullo celebrouse en Alfoz a segunda edición do Maratón de Pintura ao Aire Libre no que participaron pintores de todas as idades dentro de dúas categorías, unha infantil ata 16 anos e outra sénior. A técnica e as medidas dos traballos foron libres, non así a temática que obrigatoriamente tiña que ser referida ao concello de Alfoz, podendo reproducir calquera motivo, monumento ou paisaxe do termo municipal.

Na categoría sénior o vencedor foi o leonés Juán Ramón Alves Fernández, quen representou en acuarela unha paisaxe do entorno do Castelo do Castrodouro, cun premio consistente nun bono de compra doado pola tenda O Lar do Pintor de Burela, así como un diploma acreditativo e un trofeo deseño de Alberto Geada. O segundo premio foi para María Selmira Balseiro Blanco, de O Valadouro, o terceiro para o gañador da pasada edición, Jerónimo Reyes García, de Ribadeo, e o premio ao mellor artista local foi para a alfocense Tramara Casabella Pardeiro. Estes tres últimos recibiron diferentes lotes de produtos de pintura ademais do correspondente diploma acreditativo e trofeo.

Na categoría infantil o primeiro premio, consistente igualmente nun bono de compra doado pola tenda O Lar do Pintor de Burela, diploma acreditativo e trofeo, foise para Barcelona, sendo a gañadora Alejandra Martínez Fernández, quen disfruta dunhas vacacións en Alfoz coa súa familia. O segundo premio foi para Sara Puente Pereira, de Ribadeo, o terceiro para Claudia Martínez García, de Alfoz, e o accésit ao artista local foi para Mencía Pardiñas Hermida, recibindo igualmente diferentes lotes de produtos de pintura, diploma acreditativo e trofeo.

O xurado estivo presidido por Pilar Perdices Sintes, que esa mesma mañá tamén inauguraba unha exposición no Castelo de Castrodouro, acompañada polos artistas locais Xosé Blanco e Hipólito Xeada. Na entrega de premios participou Xabier Pardiñas, tenente alcalde de Alfoz e responsable da área de cultura e turismo, quen indicou que, a pesar da modesta participación destas primeiras edicións do maratón, se debe apostar por seguir realizando este tipo de actividades indicando que “aos novos eventos pásalle coma as persoas, primeiro teñen que aprender a andar, cando andan teñen e aprender a non caer e despois deben elixir o camiño a seguir, nese camiño temos que traballar para que este maratón se consolide”. Juán Ramón Alves, gañador da categoría sénior, agradeceu este tipo de iniciativas que dan pé a que se coñeza esta fermosa zona da Mariña interior, indicando que sen dúbida difundirá este evento para que no vindeiro ano se incremente a participación, desexando repetir experiencia.

JUAN RAMÓN ALVES E ALEJANDRA MARTÍNEZ GAÑADORES DO 2º MATATÓN DE PINTURA DE ALFOZ
JUAN RAMÓN ALVES E ALEJANDRA MARTÍNEZ GAÑADORES DO 2º MATATÓN DE PINTURA DE ALFOZ
Voltar

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO