Concello de Alfoz
O NÚMERO DE VISITAS AO CASTELO DO CASTRODOURO DURANTE O VERÁN DE 2017 AUMENTA UN 41%

O NÚMERO DE VISITAS AO CASTELO DO CASTRODOURO DURANTE O VERÁN DE 2017 AUMENTA UN 41%

27/setembro/2017

Con motivo da celebración do día internacional do Turismo, a Área de Cultura e Turismo do Concello de Alfoz fai públicos os datos relativos ás actividades de promoción e información turística levadas a cabo nos últimos meses. Os datos foron presentados a pasada fin de semana nunha reunión celebrada no Bar San Pedro de Alfoz, na que participaron Ana Pena Rouco, Nuria Seco Fernández e Pedro Rolle Chaves, responsables da Oficina de Turismo na época estival, Alberto Geada, zoqueiro propietario da colección de pezas de calzado tradicional expostas no castelo, e o Tenente Alcalde de Alfoz, Xabier Pardiñas, responsable da Área de Cultura e Turismo. Na reunión repasáronse as actividades levadas a cabo durante o presente ano, así comoas cifras de visitantes recibidos ao longo de todo o verán 2017, no Castelo do Castrodouro.

Durante o verán superouse a cifra dos 10.000 visitantes desde que o Concello de Alfoz reabrise as dependencias do Castelo do Castrodouro no mes de marzo de 2016. As dependencias do Castelo, nas que ademais de albergar Oficina de Información Turística podemos atopar diferentes exposicións itinerantes e o Museo das Zocas de Alberto Geada, permaneceron abertas todo o ano durante os fins de semana e festivos, ampliando este horario durante os meses de xullo e agosto, período no que permanecen abertas de luns a domingo, coincidindo cos meses de maior afluencia do ano, aumentando o número de visitantes nun 41% respecto ao ano anterior.

No mes de xullo a afluencia de visitantes ascendeu a 1.511 persoas, sendo os visitantes máis numerosos os de Galicia (688), Madrid (315) e Asturias (80). En canto a turistas de outras partes do mundo, viñeron un total de 47 persoas; con procedencia variada: Francia, Reino Unido, Cuba, Alemaña, México e Colombia. Nesta cifra total, débese ter en conta a celebración do XIX Mercado Medieval, levado a cabo o venres 14 e o sábado 15 de xullo, días de portas abertas do Castelo de Castrodouro, polo que non existe rexistro de visitantes, e que foron, sen dúbida, os días de maior afluencia de toda a época estival.

Respecto ao mes de agosto, foi o mes con máis visitantes rexistrados, sumando un total de 2.482 persoas. Seguindo o mesmo patrón de procedencias que no mes anterior, Madrid foi a comunidade máis presente con 766 visitantes, seguida de Galicia (734) e Castela e León (152). Neste caso, o número de turistas internacionais foi de 65, e a procedencia con máis variedade respecto ao mes anterior: Francia, Suiza, Arxentina, Reino Unido, Portugal, Alemaña, EEUU, Bélxica, Italia, China, México, Brasil, Ecuador e Indonesia.

Os responsables da Oficina de Turismo do Concello de Alfoz consideran que “coidar do patrimonio é tan importante como divulgalo, porque cántos casos hai nos que un destino turístico ten todos os recursos pero falta unha boa xestión e medios para lograr que sexa coñecido e visitado”. Ademais apuntan que “despois de ter pasado pola experiencia de estar a cargo dun patrimonio tan importante, significativo e con tanta historia para todos, valórase aínda máis a conciencia daqueles que fan todo o posible pola súa supervivencia”. Por outra banda subliñan que os visitantes “danse conta das melloras no coidado do Castelo e eloxian as actividades que se levan a cabo”, xa que “todas as exposicións foron ben acollidas, tanto por visitantes foráneos como locais”. Ademais indican a gran afluencia de visitantes a outros recursos turísticos como a Fervenza do Escouridal, o Pico da Frouseira ou a Pena Abaladoira.

Na actualidade o Castelo do Castrodouro permanece aberto en horario de fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 horas en horario de mañá e de 16:00 a 20:00 en horario de tarde. No resto de días e horarios pódese visitar con cita previa no teléfono 982558001.

Voltar

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO