Concello de Alfoz
ALFOZ DESPIDE O ANO CON DIFERENTES ACTIVIDADES PARA OS MAIS PEQUENOS

ALFOZ DESPIDE O ANO CON DIFERENTES ACTIVIDADES PARA OS MAIS PEQUENOS

20/decembro/2017
        O programa de actividades de Nadal de Alfoz, deseñado para os máis pequenos, comezará o vindeiro sábado 23 de decembro ás 15:30 horas cun obradoiro de creación de bolas de Nadal organizado pola Anpa do Ceip Castro de Ouro. O prezo da actividade, que se desenvolverá na Omix do Centro Sociocultural de Alfoz, é de 12 € e os interesados poden apuntarse ata o martes 19 de decembro.

         O mesmo día ás 18:00 horas, no salón de actos do mesmo centro terá lugar a actuación do grupo A Tropa de Trapo que nos traerá a obra “Antía, Wamba e o regato pequeño”, espectáculo no que Wamba lle contará a Antía catro historias que falan de África e de Europa, do que nos sobra e do que nos falta, de compartir de verdade, de valorar o importante, de rir, de mirar con esperanza ao futuro… contos para bailar e cantar, para xogar, pero tamén para sentir e pensar. Este espectáculo, que será de valde, é distribuido pola Cooperativa de Artistas Galegos Charlatana, e é ofrecido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade, do que é socio o Concello de Alfoz. Tras o espectáculo entregaranse os premios do XV Concurso de Postais de Nadal organizado pola Biblioteca Municipal de Alfoz.

            Na última semana do ano chegará un ano máis o programa “Pequenadal”, consistente en obradoiros creativos que se desenvolverán os días 27, 28 e 29 de decembro en horario de 11:30 a 13:00 horas na Omix do Centro Sociocultural de Alfoz. As prazas para esta actividade son limitadas, estando as inscricións abertas ata o vindeiro día 20 nas propias oficinas municipais do Concello de Alfoz ou no teléfono 982 558 001.

            Para rematar as actividades deste 2017, o sábado 30 de decembro, Peter Punk Pallaso e Brais das Hortas tráennos “Concerto Punk Infantil”, espectáculo de clown, circo e música, no que os dous artistas xuntan talentos para divertir aos máis pequenos e a toda a familia. Este espectáculo será igualmente de valde e celebrarase no salón de actos do Centro Sociocultural de Alfoz a partir das 17:00 horas, sendo ofrecido pola Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, coa distribución da Cooperativa de Artistas Galegos Charlatana.

            Para a primeira semana do ano está prevista a celebración da tradicional Cabalgata de Reis na tarde do 5 de xaneiro, organizada pola AXC O Castelo, coa colaboración do Concello de Alfoz.

            Desde a delegación de Cultura e Turismo do Concello de Alfoz deséxanlle a veciños e visitantes unhas Boas Festas.
Voltar

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO