Concello de Alfoz
MANUEL MARÍA EN ALFOZ

MANUEL MARÍA EN ALFOZ

17/Maio/2016
A presenza de Alfoz na obra de Manuel María.
   
 Ademais da segura presenza física de Manuel María en Alfoz, tamén podemos atopar referencia ao noso concello en polo menos dous artigos editados polo xornal  “El Correo Gallego”. No primeiro deles, do ano 1994, fálanos da Finca Galea, “Amparada pola sombra benfeitora e máxica do Castelo do Castro…”, como el nos comenta. O segundo, dez anos máis tarde, e preto dos seus últimos días, coincide cun artigo de opinión sobre o libro de Antón Meilán O mito do Mariscal Pardo de Cela.

     Pola súa relevancia, ao tratarse da derradeira colaboración que o poeta fixo para “El Correo Gallego”, compartimos con vós este segundo texto como homenaxe a Manuel María no día das nosas Letras Galegas.
 
     O Mariscal. Por Manuel María.
 
     O único Mariscal que tivemos os galegos foi Pedro Pardo de Cela. Para nós os seus feitos certos están narrados nos conmovedores versos de Ramón Cabanillas que quedaron para ensino das idades como exemplo e memoria irrenunciable de nós na maxistral obra dramática O Mariscal na que tamén tivo que ver o fervoroso e lúdico patriota Antón Vilar Ponte.

    O noso Mariscal é o da lenda cantada afervoadamente polos poetas. Consideramos o “outro” Mariscal como un fidalgo xenro do todopoderoso Conde de Lemos, como un fidalgo dos que entón andaban por Galicia. A Asociación Cultural “O Mundo de Galea” domiciliada nesta marabilla creada por Emilio Méndez e a súa dona Carmen Reimunde Hermida na finca chamada tamén A Galea -un edén na metade do paraíso- nas terras de Castro de Ouro, concello de Alfoz, case á sombra do que foi castelo do Mariscal, non lonxe das ruínas da fortaleza da Frouseira na que foi traizoado e vendido Pedro Pardo de Cela, meu señor, patrocinou un libro apaixoante, de autoría do mindoniense Antón Xosé Meilán, catedrático da Universidade de Oviedo. O volume, ben editado, leva unhas axeitadas e suxerentes ilustracións de Juán Puchades. Trátase dunha obra amena, excelentemente documentada que abre novas perspectivas para o cabal coñecemento do tema, moi ben escrita nun galego coidado, o que é de agradecer. A nós sempre nos conmoveron os Plantos pola Frouseira -consérvanse varios-, o Cantar do Mariscal e o Romance de Pardo de Cela. Preferimos a verdade dos versos á dubidosa incerteza da prosa curialesca.

     Os  historiadores adoitan distinguir entre “vida real” e “vida mítica” como se non foran a mesma. Nuns versos da nosa autoría -e perdón pola autocita- témoslle adicado ó Mariscal estas palabras:
 
Cando te puxeche da banda de Galiza
declareime, para sempre, o teu vasalo,
xureiche homenaxe e lealdade,
loitei na túa mesnada de fantasmas
Nada valeu de nada, o teu firme
“¡Credo!, ¡Credo!, ¡Credo!”
esculpido polo teu sangue sulevado
no amoroso chao de Mondoñedo
caeu nin frío inferno
de silencio de medo e de valeiro.
 
   Cando viaxamos a Mondoñedo acompáñanos sempre a invisible presenza de Pardo de Cela. A “Paula” chora a súa ausencia. A delicada tristeza da cidade ten fundamento nas lágrimas de Isabel de Castro na Ponte do Pasatempo. Tiña que ser necesariamente un mindoniense como Antón Xosé Meilán quen escribira este libro sobre o Mariscal.

      El sabe,
Hai sombras que sempre nos asombran
e alboradas que non volven nunca máis.
_______
Texto inédito do poeta Manuel María, que se ía publicar en “O Correo das Culturas”
 
Voltar

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO