A antiga escola de Adelán acollerá a partir do vindeiro luns, 13 de xaneiro, a mostra “Culturas en Diálogo. Lugo-Arxentina” da Rede Museística Provincial. A exposición, organizada en colaboración coa asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplatenses en Lugo, recompila material fotográfico e documental arredor da emigración galega a América.
O obxectivo é poñer en valor os testemuños, en clave intercultural, das relacións entre diferentes xeracións polo que, paralelamente á exposición, se organizan actividades dirixidas especialmente ao aos centros escolares. Así, na inauguración da mostra, ás 12:00 horas, estará presente o alumnado do CEIP de Alfoz que, a continuación, participará nun obradoiro sobre a migración.
Ademais, ao longo da semana, Silvia Fiallega Lorenzo impartirá unha conferencia no IES Alfoz-Valadouro sobre o imaxinario e os estereotipos da emigración galega a América.
Visitas:
A mostra poderá visitarse en Adelán os xoves e os domingos, de 17 a 19 horas ata o 2 de febreiro, grazas á colaboración da Asociación de Veciños de Adelán. Fóra desas datas, as visitas deberán concertarse a través do Concello de Alfoz (650119367).