2 DE XULLO: FESTIVAL ATLÁNTICA PARA PÚBLICO FAMILIAR: CRISTINA COLLAZO PRESENTA "A CORVA"
21/Xuño/2023
Naceu en Santiago de Compostela no 1986 e medrou no berce dunha aldea chea de fábulas, contos e cantigas. Dos beizos das avoas saiu a maxia da literatura popular que fixeron pouso na súa formación e entendemento da arte dramática. Así mesmo, cursou maxisterio e literatura en Madrid. Nestes anos comezaron as investigacións sobre o teatro cervantino e a literatura popular, así coma a súa carreira profesional. Actualmente cursa dirección na ESAD, formándose noutros ámbitos interpretativos, danza ou música. No 2012 viaxa a Brasil para realizar unha xira coa compañía Arte Livre onde se afianzan as súas inquedanzas sobre o teatro infantil e a dramatización dos contos. Tras un ano de enchouparse na cultura e arte deste país, regresa á Bandeira para poñer en práctica estas aprendizaxes, así coma crear “laboratorios”. Realiza traballos audiovisuais na TVG, coma en Dalia, a modista no papel de Valentina, ou Pazo de Familia, no pasado de Suevia ou proximanente O sabor das margaridas; así coma proxectos publicitarios e curtametraxes. Fórmase no 2013 A Cova das Letras, co obxecto de fomentar o teatro no medio rural. Nace así, Medias Verdes Teatro, grupo amateur de A Bandeira, que coordina, xunto cos grupos infantís de teatro espallados pola comarca do Deza. Coordina así mesmo outros proxectos de índole social coma “Teatro no cárcere” e “Teatro en feminino”. A Cova das Letras foi medrando e leva a escena ás súas montaxes: O circo dos contos, xunto con Beatriz Pena, A Fotógrafa, ó carón de Pilar Abades, Mariñeiras da man de Sonia García ou o contacontos A Corva ou Procúrase Pepa a Loba. Actulamente a compañía somérxese no proxecto A Gata con Zocos, comedia musical onde os títeres se fusionan coas bandas de música, peza coa que xiran polas diversas bandas galegas e estranxeiras, da man de Anxo García e Manuel Paino. Ten colaborado con bandas de música como narradora, destacando a montaxe da Divina Comedia realizado coa Banda de Vilatuxe ou Oscar of Amnesty no papel de Marianela coa Banda Municipal de Pontevedra. Así mesmo é trompista na Banda de Ordes e na Banda da Bandeira.