REPRESENTACIÓN “DE VILALEGRE A VILATRISTE” A BORDO DO FURGÓN UTÓPICO
15/Maio/2024
O próximo 25 de maio ás 18 horas chega a Alfoz o Centro Dramático Galego para celebrar o seu 40 aniversario cunha programación especial que está a levar a xira por 100 concellos de Galicia. A actividade levarase a cabo no aparcadoiro da Piscina Municipal (en caso de choiva no Pavillón Municipal). O Centro Dramático Galego en coprodución con Utópica rodante presentara o texto de Roi Vidal “De Vilalegre a Vilatriste” a bordo do Furgón Utópico. Trátase dunha creación de pequeno formato baixo a dirección artística de Teatro o Cubo. Nas aforas de Vilatriste hai unha lagoa da que emana unha brétema misteriosa que impregna o aire cunha estraña tristeza. Uns novos moradores descobren que se beben das súas augas adquiren un superpoder que os dota de capacidades extraordinarias. Pero as habitantes de Vilatriste ignoran todos estes efectos. Cando estes forasteiros intentan compartir o seu achado atopan de fronte a desconfianza e rexeitamento dos veciños. A morte do alcalde vello e a chegada do novo traen consigo toda unha serie de transformacións cunhas escuras intencións. Trepas é o alcume dun xove habitante de Vilatriste enredado inesperadamente nunha singular aventura: salvar a vila das fauces dun malvado dirixente. Axudado por unha singular superheroína descobren a fórmula para vencer ao seu inimigo pero... funcionará?