Concello de Alfoz
5 DE XULLO: VOLTA O FESTIVAL ATLÁNTICA A ALFOZ CON AMOR HERRERA E CRIS DE CALDAS  PRESENTANDO "IDA E VOLTA"

5 DE XULLO: VOLTA O FESTIVAL ATLÁNTICA A ALFOZ CON AMOR HERRERA E CRIS DE CALDAS PRESENTANDO "IDA E VOLTA"

24/Xuño/2024

Cris de Caldas naceu entre os contos que lle contaba a súa avoa Carmela para que comera, para que non comera tanto, para que deixara de gabear polas árbores, para que levantara o cú, para que falara, para que calara... Deste xeito, aprendeu que había un conto para cada ocasión. Tanto conto arrolouna que quixo saber máis deles, polo que non lle quedou outra que estudar filoloxía pero iso non foi suficiente. Ela quería vivir entre contos, así que logo preparouse para ser bibliotecaria. E aínda que é un traballo moi creativo e divertido, ás veces sinte que os contos queren saír dos andeis e lévaos con ela para que os escoite quen sabe facelo. Outras veces, prefire conversar con quen máis sabe e levar un anaco da nosa tradición no seu contar. Na actualidade, conta para todo tipo de públicos, para quen non ten nin un ano e para que pasa dos cen. Só se precisa orellas, para escoitar, corazón, para deixarse emocionar e boca para sorrir. Ti sabes escoitar? Pois ela ten un conto para ti. Amor Herrera (La Habana, 1972) é graduada en música na especialidade de trombón no Conservatorio Provincial Amadeo Roldán. Formou parte durante varios anos da afamada Orquesta Anacaona de Cuba coa que gravou varios discos, documentais e realizou xiras por máis de 30 países participando en prestixiosos festivais internacionais. No ano 2001 trasládase a vivir a Galicia integrando diferentes formacións musicais de renome. Tamén é cantante, escritora, locutora de radio e produtora.

Voltar

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO