Concello de Alfoz
CHARLA INFORMATIVA: AXUDAS PARA REHABILITACIÓN DE VIVENDA, MELLORAS EN EFICIENCIA ENERXÉTICA, ETC.
16/Abril/2023

CHARLA INFORMATIVA: AXUDAS PARA REHABILITACIÓN DE VIVENDA, MELLORAS EN EFICIENCIA ENERXÉTICA, ETC.

O venres, 21 de abril, ás 19:00h no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz terá lugar unha charla informativa sobre as subvencións dispoñibles para a mellora de vivendas: rehabilitación, mellora enerxética, accesibilidade, etc. Contarase cunha empresa especializada en tramitar este tipo de axudas a particulares para informar das distintas axudas, requisitos, importes, tramitación, etc. Son moitas as razóns de peso para invertir en eficiencia enerxética dos nosos fogares: Aforro económico: as facturas do día a día, como a electricidade, gas e auga, son máis baixas porque se reduce o uso de aparellos como o aire acondicionado, calefacción… Deste xeito, un menor gasto de enerxía supón un aforro para o peto. Respecto ambiental: un menor gasto enerxético tradúcese nunha redución de emisións e da pegada de carbono. Que o fogar sexa eficiente é unha forma de demostrar que utiliza adecuadamente os recursos enerxéticos que precisa a sociedade para funcionar sen esgotar ao planeta. Maior durabilidade: levar a cabo reformas de illamento térmico e acústico, cambiando por exemplo xanelas e portas, achega maior seguridade fronte aos danos ocasionados polo paso dos anos, como son as gretas, humidades, fugas de calor… Unha vivenda eficiente energéticamente é de maior calidade que outras, co que se mantén en mellores condicións durante moito máis tempo. Beneficios fiscais: os edificios construídos de maneira eficiente poden verse beneficiados con rebaixas fiscais e con subvencións públicas. Aumento do valor da vivenda: investir na eficiencia enerxética supón atractivo tanto para futuros compradores como para arrendatarios. Rehabilitar unha vivenda, mellorando por exemplo a protección solar, modificando o acristalamento ou a carpintería e selando as infiltracións, termina revalorizando o fogar. Maior confort: os edificios eficientes fan que sexa moito máis agradable vivir neles, xa que a temperatura que se alcanza é máis confortable, menos perdas de calor, máis homoxeneidade de temperatura en todos as zonas, etc.
XORNADA TEÓRICA-PRÁCTICA SOBRE AGROCOMPOSTAXE. Alternativa de diversificación de mellora da renda para produtores e produtoras agrarias.
13/Abril/2023

XORNADA TEÓRICA-PRÁCTICA SOBRE AGROCOMPOSTAXE. Alternativa de diversificación de mellora da renda para produtores e produtoras agrarias.

Sábado 22 de abril, de 10:30h a 13:30h (teórica) e de 16:30h a 18:30h (práctica: visita ás Oiras). Lugar: Salón de Actos de Cultura. Impartido por: Mª Belén Díaz Hernández e Benigno Ruiz Nogueiras - Necesidade dunha agricultura sostible. - Boas técnicas en Agricultura Ecolóxica. - O papel fundamental da M.O. nos procesos produtivos agrarios. - Elaboración de compost a partir de residuos agrarios. - Sesión práctica: Materias primas para compostar. Visita a unha explotación na que se fará un seguimento do proceso de compostaxe dos residuos xerados na mesma. NON É NECESARIA INSCRICIÓN PREVIA. ACTIVIDADE DE BALDE.
XORNADA SOBRE XESTIÓN DO MONTE COMO SUMIDOIRO DE CARBONO
13/Abril/2023

XORNADA SOBRE XESTIÓN DO MONTE COMO SUMIDOIRO DE CARBONO

O tema principal da xornada pode titularse: Oportunidades do sector forestal galego para explorar o potencial do monte como sumidoiro de carbono. Será o sábado 15 de abril, de 10:30h a 13:45h no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz. Non é preciso inscribirse previamente e é unha actividade gratuita. No relatorio mostraranse os principais problemas e retos que os sistemas agroforestais e agrícolas teñen asociados ao cambio climático, así como o concepto da neutralidade climática. A necesidade da súa integración do sector agrícola e forestal a través dos sistemas agroforestais, e os principais mecanismos de financiamento do carbono a través dos proxectos de absorción de carbono, así como mecanismos de financiamento asociados á PAC. Forma parte das xornadas formativas para promover o uso sostible dos recursos e potenciar os territorios de Reserva da Biosfera Terras de Miño.
O CONCELLO DE ALFOZ POTENCIA O TERRITORIO DENTRO DA RRBB TERRAS DE MIÑO
04/Abril/2023

O CONCELLO DE ALFOZ POTENCIA O TERRITORIO DENTRO DA RRBB TERRAS DE MIÑO

Alfoz é un dos 26 concellos que forman parte da Reserva da Biosfera Terras de Miño. Parte do seu territorio está dentro desta área de especial protección polo seu valor ecolóxico e medioambiental, supoñendo unha oportunidade máis de desenvolvemento para todo o municipio a través de políticas medioambientais de coidado e potenciación dos recursos de xeito sostible. Alfoz, cumpriu con todos os requisitos esixidos, sendo o único concello da Reserva da Biosfera Terras de Miño que acadou as Axudas para actuacións de concellos e entidades en reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 para levar a cabo un ambicioso proxecto en 16,56has co que se pretende: 1º.- Mellorar os ecosistemas forestais propiedade do Concello de Alfoz nas que se realizan repoboacións con frondosas autóctonas, desbroces selectivos, tratamentos silvícolas e hoteis de polinizadores. 2º.- Ampliar a oferta turística da zona establecendo un lugar de encontro dos visitantes no Centro de Interpretación da Natureza da Escola do Chao (O Pereiro) que continúa mellorando os servizos, agora cunha pequena área de descanso exterior e novos paneis informativos sobre a Reserva da Biosfera e os seus valores. 3º.- Fomentar a conservación da biodiversidade das Reservas de Biosfera mediante a realización de cursos de formación visitas guiadas e charlas informativas: Curso sobre as oportunidades do sector forestal galego para explorar o potencial do monte como sumidoiro de carbono para o 15 de abril, Curso introdutorio teórico sobre agrocompostaxe no eido da economía circular para o 22 e 29 de abril e Curso Práctico nivel básico de introdución a micoloxía para setembro. Recentemente realizáronse unha xornadas sobre castiñeiro de froito a través da Deputación de Lugo, con gran éxito de participación, onde se puxo en valor a producción de castaña como importante nicho de negocio. Estas xornadas divulgativas son fundamentais para promover usos sostibles do monte, máis aló do aproveitamento forestal, sen olvidar que tamén é un sector estratéxico na zona. As melloras na Escola do Chao suponen non só revalorizar o territorio en Reserva da Biosfera Terras de Miño senón tamén poñer a disposición dos veciños e veciñas un espazo para usar como centro sociocultural para actividades organizadas polas AAVV e tamén polo Concello, coma o Curso de Primeiros Auxilios levado a cabo o pasado 26 de marzo, dentro do Plan de Dinamización da Parroquias.
OFERTA DE EMPREGO: TÉCNICO/A SOCIOCULTURAL E TURÍSTICO
27/Marzo/2023

OFERTA DE EMPREGO: TÉCNICO/A SOCIOCULTURAL E TURÍSTICO

Publicada no BOP de Lugo de 27 de marzo, a convocatoria de emprego dentro do Programa: Fomento do emprego 2022- Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2022 da Deputación Provincial de Lugo. PINCHA NA NOTICIA E ACCEDE A TODA A DOCUMENTACIÓN.
Páxina 50 / 171

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO