Concello de Alfoz
NOVEMBRO: MES DO TEATRO EN ALFOZ
28/Outubro/2022

NOVEMBRO: MES DO TEATRO EN ALFOZ

A Área de Cultura, cuxa responsable é Marisa Goás, presenta a programación para o mes de novembro dedicada ao teatro. Todos os sábados de novembro, ás 20:30h no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz. Para todos os públicos. A entrada é libre e gratuíta. Sábado 5 de novembro: o grupo de teatro Ítaca presenta a obra "Anacos" dentro do Ciclo de Teatro Profesional da Área de Cultura da Deputación Provincial. Sábado 12 de novembro: Lume Escénico da Pontenova presenta a comedia "Albergue Casa Amarelo. O misterio da Vía Rexia" incluído no Ciclo de Teatro Afecionado da Área de Cultura da Deputación Provincial. Sábado 19 de novembro: Trípode e amigos presenta a comedia "O muro". Sábado 26 de novembro: Colectivo Cultural Ollomao representará "O documento" dentro do Ciclo de Teatro Afecionado da Área de Cultura da Deputación Provincial.
24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS. NOVIDADES DA BIBLIOTECA MUNICIPAL
24/Outubro/2022

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS. NOVIDADES DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

A Biblioteca Municipal de Alfoz continúa incorporando novo equipamento e servizos. Ao longo destes tres anos fíxose unha reforma integral do espazo renovando a totalidade dos andeis metálicos por librerías de maior capacidade e de cor branca que transformaron por completo o espazo. Reorganizouse a iluminación que ademais foi substituída por leds. Incorporáronse novas seccións coma o Recuncho Violeta, con lecturas e xogos de igualdade non só para disfrutar na biblioteca, posto que se utilizan tamén nos programas de conciliación municipal no CEIP Castro de Ouro. Dotouse á biblioteca de equipamento: proxector, altavoces, pantalla, libros electrónicos, tablets e ordenadores portátiles que se suman aos 2 de sobremesa existentes. Isto permitiú tamén levar a cabo distintas actividades formativas coma os cursos para aprender a usar os móbiles ou outros coma o de libros electrónicos. Conta ademais con conexión a internet de fibra, garantindo a calidade e velocidade no uso da rede. Neste ano, destacamos a creación dunha zona infantil, que complementa a existente, cun espazo para os máis pequenos con monicreques e un teatro de guiñol ademais da zona de lectura "no chan" con coxíns e pufs para ler e xogar. Tamén se adquiriron gran número de revistas, cos correspondentes mobles revisteiros, que era un eido que non tíñamos cuberto e que está tendo moi boa acollida. Colocouse un buzón exterior para poder devolver os libros fóra do horario de apertura da biblioteca que é de luns a venres de 15:00h a 20:00h. O fondo bibliográfico increméntase continuamente con obras de todos os xéneros a través de axudas doutras administracións e fondos propios, por exemplo, recentemente adquiríronse os libros recomendados nas Axendas Coeducativas que a Área de Igualdade fai para todos os estudantes, así como as lecturas obrigatorias dos distintos IES da Mariña onde estudan os rapaces e rapazas de Alfoz. Pero non é só un cambio físico o que experimentou a biblioteca, senón unha dinamización continua que nos leva a falar de programas coma a Bibliopiscina que durante xullo e agosto permite disfrutar da lectura na Piscina Municipal. As Mochilas Viaxeiras que fomentan a lectura entre os maiores do Programa de Envellecemento Activo "Activamente". O club de lectura que conta actualmente con 17 integrantes e que é unha das actividades máis dinámicas da biblioteca. Visitas de autores e presentacións de libros. Numerosos obradoiros dirixidos aos máis pequenos ao longo de todo o ano. Un blogue propio ao que se pode acceder desde a páxina web do concello. Concursos coma o de Postais de Nadal ou de debuxo e narrativa das Letras Galegas. Todo isto se logrou con distintas axudas da Xunta de Galicia, do Plan Único da Deputación Provincial e con fondos propios do Concello, a nivel económico e, sobre todo, con traballo para día a día mellorar non só o entorno físico da biblioteca senón facer dela un espazo cultural de referencia no Concello de Alfoz.
OFERTA DE EMPREGO: TÉCNICO SOCIOCULTURAL E TURÍSTICO
24/Outubro/2022

OFERTA DE EMPREGO: TÉCNICO SOCIOCULTURAL E TURÍSTICO

Dentro do Plan Único da Deputación Provincial, Programa de Fomento de Emprego, ofértase a praza de Técnico Sociocultural e Turístico para o Concello de Alfoz. Toda a documentación está dispoñible na Sede Electrónica do Concello de Alfoz e "pinchando" na noticia tamén se accede á Convocatoria e bases de contratación, Bases xerais e Anexo I.-Modelo oficial de solicitudes.
ALFOZ ACADA POR SEGUNDO ANO CONSECUTIVO A BANDEIRA VERDE DE GALICIA
23/Outubro/2022

ALFOZ ACADA POR SEGUNDO ANO CONSECUTIVO A BANDEIRA VERDE DE GALICIA

O pasado venres, Jorge Val, alcalde de Alfoz recolleu este galardón que a Xunta de Galicia concede aqueles concellos que van máis aló no fomento do coidado na paisaxe e patrimonio, na eficiencia enerxética, na xestión de residuos e na educación e sensibilización ambiental. Este premio é para os veciños e veciñas, pola súa implicación e colaboración no coidado do medio ambiente, grazas por participar, por estar concienciados na importancia de coidar Alfoz. A bandeira é vosa. Por segundo ano, Alfoz conta coa Bandeira Verde de Galicia, xunto a 14 concellos máis de toda Galicia aos que felicitamos, e sobre todo dun xeito especial aos concellos da Mariña, Mondoñedo que repite coma nós e Cervo e Ribadeo que acadan neste 2022 o galardón.
COMO AFORRAR NA TÚA FACTURA DE ELECTRICIDADE E GAS NATURAL
23/Outubro/2022

COMO AFORRAR NA TÚA FACTURA DE ELECTRICIDADE E GAS NATURAL

O xoves, 3 de novembro, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz de 10:30h a 12:00h terá lugar unha charla informativa para saber como podemos aforrar nas nosas facturas de electricidade e gas natural. Impartida pola Escola de Enerxía e a Fundación Naturgy. Actividade gratuíta na que é preciso inscribirse previamente no tfno. 982 558 001 (ext. 6). Os obxectivos principais son: Aprender a leer a túa factura e optimizala. Coñecer e establecer hábitos de consumo eficientes. Aproveitar as axudas dispoñibles para reducir o coste enerxético. O Concello de Alfoz, en colaboración con distintas administracións, fundacións, empresas, etc. leva a cabo unha serie de actividades de carácter informativo para fomentar a eficiencia enerxética e sobre todo a formación dos veciños e veciñas como consumidores informados. Sempre é importante contar con información axeitada pero máis aínda nestes tempos nos que o gasto enerxético supón unha preocupación para moitas familias. Atopámonos saturados con ofertas de compañías e noticias sobre as subas continúas da enerxía, imprescindible nos nosos fogares e empresas. Contar con asesoramento e coñecer as axudas ás que nos podemos acoller como consumidores vulnerables é imprescindible.
Páxina 51 / 159

ACCESOS DESTACADOS DE TURISMO