03/Maio/2021
BONOS IMPULSO DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO. Hostalería e pequeno comercio.
Dentro do Plan Impulso da Economía da Provincia da Deputación, unha aposta por xerar actividade e multiplicar os beneficios do pequeno comercio nos 67 concellos de Lugo - Repartiranse 17.000 bonos nominativos de 30€, que terán “efecto multiplicador nos negocios, pois para poder usalos haberá que realizar unha compra ou unha consumición mínima de 60€” - As bases publicaranse o luns no Boletín Oficial da Provincia para que os establecementos interesados en participar rexistren a súa solicitude a partir do martes, 4 de abril, na web da Deputación - Unha vez se coñezan os locais participantes, abrirase o prazo para que a veciñanza interesada solicite o seu Bono Impulso, que deberá gastar nos locais adheridos do concello no que resida. Adhesión dos establecementos A Xunta de Goberno provincial deste venres deulle luz verde ás bases deste programa que se publicarán o vindeiro luns, 3 de maio, no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A partir do martes, 4 de maio, os establecementos do pequeno comercio e da hostalería (incluído os negocios de hospedaxe) que desenvolvan a súa actividade en calquera dos 67 concellos da provincia, poderán solicitar a súa adhesión ao programa. Non existe límite de establecementos, polo que todas as empresas e autónomos do sector poderán participar. Na páxina web da Deputación habilitarase un espazo durante 15 días no que deberán cumprimentar un formulario sinxelo para adherirse. Estará habilitado o seguinte número de teléfono para calquera dúbida que poida xurdir 982.260.004 e o seguinte enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org. Unha vez rematado o proceso de inscrición, a institución provincial publicará a listaxe de establecementos participantes e faralle chegar a cada local admitido un indicativo da súa adhesión no programa. Un cartel que deberá colocar nun lugar visible, facilitando así que a veciñanza saiba en que establecementos poderá canxear os Bonos Impulso.