O 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas tivo lugar unha homenaxe a Manuel María no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Alfoz.
O acto comezou cun pasarruas dende A Seara ata o Centro Sociocultural. A continuación, Xabier Pardiñas, tenente-alcalde e responsable da Área de Cultura do Concello de Alfoz, recordou a presenza de Alfoz na obra de Manuel María, pois, a parte da segura presenza física de Manuel María en Alfoz, tamén recordou a referencia ao concello de Alfoz en polo menos dous artigos editados polo xornal “El Correo Gallego”. No primeiro deles, do ano 1994, fálanos da Finca Galea. O segundo, dez anos máis tarde, e preto dos seus últimos días, coincide cun artigo de opinión sobre o libro de Antón Meilán O mito do Mariscal Pardo de Cela. Pola súa relevancia, ao tratarse da derradeira colaboración que Manuel María fixo para “El Correo Gallego”, compartiuse a lectura deste último texto entre os asistentes, como homenaxe a Manuel María no día das Letras Galegas.
Posteriormente procedeuse á lectura de poemas do autor homenaxeado por parte de diferentes veciños e veciñas do concello de Alfoz.
Para finalizar actuaron as Cantareiras de Amado Lar e o Coro Parroquial Virxe das Dores de Ferreira con acompañamento musical de diferentes músicos do Val.